I XORNADA DA ASOCIACIÓN DE ERGONOMÍA GALEGA “O ESPAZO HUMANO”


image002O pasado día 16 de outubro de 2008, no Hostal dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, celebrouse a I Xornada da Asociación de Ergonomía Galega, “O espazo humano”.

Devandita xornada contou coa inestimable presenza de Pilar Cancela Rodríguez, Directora Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia, que procedeu á inauguración oficial da mesma.

Pilar Cancela falou do logro conseguido na comunidade aut ónoma de por, ós empresarios, ós sindicatos e á administración, a traballar xuntos para acadar un modelo de prevención de riscos laborais efectivo. Falou tamén do primeiro froito deste traballo en común, o ISSGA, e as súas obrigas para co mundo laboral. Finalmente Pilar Cancela remarcou o principio de transversalidade que rexe a ergonomía, tendo en conta que non se pode limitar a postos de traballo concretos ou sectores determinados, e tendo en conta, tamén, ó gran número de persoas que os riscos de orixe ergonómica atanguen. Rematou dando ánimos á Asociación para levar a cabo a súa labor e ofrecéndonos apoio institucional, e mesmo o seu apoio persoal no devir da nosa andadura.

A xornada desenvolveuse en sesións de mañá e tarde, estando estruturada en tres mesas redondas. Contouse como relatores na primeira das mesas con María Félix Villar, Xefa da Unidade Técnica de Ergonomía do Centro Nacional de Novas Tecnoloxías do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo (INSHT), e Diana Robla Santos, Técnico de Ergonomía e Psicosocioloxía aplicada da Unidade de Prevención de Riscos Laborais do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña e membro da asociación.

image004María Félix Villar fixo unha disertación acerca da situación actual da ergonomía, analizándoa en primeiro lugar dende un punto de vista teórico e abarcando tamén os aspectos legais e normativos, para finalizar dentro do contexto técnico, facendo referencia aos comités técnicos creados na Asociación Internacional de Ergonomía.

Diana Robla Santos centrou a súa exposición nunha actuación ergonómica levada a termo nas consultas de control do tratamento anticoagulante oral (TAO), coñecidas coloquialmente como de SINTROM, do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña. Nelas producíanse un número importante de situacións de incapacidade por problemas musculoesqueléticos. Esta intervención serviu para demostrar á empresa a rendibilidade das medidas preventivas propostas e conseguir así a implicación da xerencia para proceder á substitución da metodoloxía de traballo, conseguindo unha mellora das condicións de traballo moi importante e unha diminución notable dos procesos patolóxicos derivados do mesmo. Devandita mesa foi moderada por Carlo Alberto Berto Leotardi, Vicepresidente da Asociación .

image006A segunda mesa da mañá, foi moderada pola Presidenta da Asociación, Rocío Seoane Farré, e contou coa presenza de Paula Fragueiro Barros, Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais, do Departamento I+D+i da Mutua Universal, e membro da asociación, e con José Niño Escalante, Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais da sección de Ergonomía e Psicosocioloxía de FREMAP.

Paula Fragueiro falou sobre “Boas prácticas: adaptación ergonómica do posto de traballo para a protección da maternidade”, facendo un percorrido sobre o marco normativo aplicable; a asunción de procedementos para a protección dende a integración dentro do plan de prevención; os riscos xenéricos durante a reprodución, embarazo e lactancia e sobre a adaptación dos postos de traballo perante devanditas circunstancias.

José Niño fixo unha exposición sobre “As Condicións Psicosociais para un Liderado Preventivo”, afondando na posibilidade dun desenvolvemento transversal da prevención dende a ergonomía e psicosocioloxía, especialmente no referente á relación dos factores técnicos, humanos e organizativos da empresa.

image008 A sesión da tarde, foi moderada por Antonio Fernández Vázquez, Secretario da Asociación, e a mesa estivo integrada por Alberto Villarroya López, Técnico de Ergonomía e Psicosocioloxía aplicada do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo e membro da asociación, quen presentou o desenvolvemento dunha intervención sobre o conxunto do persoal auxiliar administrativo do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, de acordo cos datos recollidos na súa Unidade de Saúde laboral, na que, durante o ano 2006, un 56% das consultas foron motivadas por trastornos musculoesqueléticos, e o 40% dos afectados por estes trastornos pertencía ao colectivo citado. A metodoloxía da intervención consistiu na observación directa do posto; a consulta aos traballadores afectados; a formalización dun cuestionario baseado no test PV-Check do INSHT; a análise dos problemas detectados e a adopción de medidas preventivas. Da devandita actuación derivouse, durante o ano 2008, un descenso dun 22% no número de consultas referidas a trastornos musculoesqueléticos, mostrándose especialmente efectivas as actuacións encamiñadas ao deseño dos postos de traballo e a organización do mesmo.


image010

En segundo lugar Socorro Riveiro Temprano, profesora da Escola de Fisioterapia da Universidade da Coruña, presentou un “Proxecto de Fisioterapia Preventiva” levado a cabo nunha gran empresa da comunidade autónoma, co obxectivo de abordar aspectos relativos á carga física de traballo para previr as lesións musculoesqueléticas, e baseado na aprendizaxe e realización dun programa de exercicios e o adestramento xeral das funcións cardiovasculares. Conclúese que demostrou ser efectivo na prevención dos problemas musculoesqueléticos no traballo. Socorro Riveiro deu a coñecer unha parte da fisioterapia xeralmente esquecida no ámbito laboral, a preventiva, xa que esta especialidade está máis asociada no noso día a día á reparación, recuperación ou rehabilitación.

En terceiro lugar Araceli Iglesias Isla, Técnico Superior en Prevención de Riscos Laborais e Directora do Servizo de Prevención Alleo Hércules Prevención S.L. e membro da asociación, realizou unha intervención sobre “Como Crear Espazos de Traballo Ergonómicos no Sector Téxtil” sinalando a importancia de crear un contorno laboral confortable e saudable para os traballadores, e tendo en conta que debemos crear ditos espazos abordando, dende o punto de vista ergonómico, os elementos que forman parte do posto. Esta intervención centrouse nun colectivo con gran relevancia na comunidade autónoma, tanto no aspecto económico como no número de traballadores, como é o sector téxtil, en particular en talleres de pasado de ferro e confección de pezas. Salientou a importancia dos elementos que forman parte do posto de traballo así como as diferentes posturas que se adoptan en función das distintas actividades a realizar. Tamén incidiu en factores como a iluminación e o seu correcto deseño, tan importante para o desenvolvemento da actividade e para evitar o cansazo visual.

image012Como conferenciante de clausura contamos coa colaboración de Francisco Javier Llaneza Alvarez, Presidente da Asociación Española de Ergonomía, coa que está federada a Asociación de Ergonomía Galega, quen expuxo unha visión particular do desenvolvemento da profesión de ergónomo na actividade económica actual.

Procedeu á clausura oficial José Rega Piñeiro, Subdirector de Xestión Técnica e Planificación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), durante a mesma remarcou a colaboración que o ISSGA terá coa comunidade técnica e científica para potenciar o papel da ergonomía como un compoñente esencial da prevención de riscos laborais.

image014Dende a propia Asociación, mostramos a nosa alegría diante da excepcional acollida que tivo tal evento, contando cun total de 102 inscricións, o que se traduciu en 85 asistentes. Ao ser a primeira convocatoria publica con carácter xeral que expoñía a asociación, cremos que podemos estar plenamente satisfeitos.

Do bo desenvolvemento da xornada deixounos constancia un número importante de felicitacións que viñemos recibindo, tanto o mesmo día do acto como en días sucesivos, de distintos asistentes ao mesmo.

Cremos que cabe sinalar o feito de que un gran número de asistentes eran de todo punto descoñecidos para os membros da asociación, o que vén a reflectir a inquietude que polos aspectos ergonómicos existe dentro da sociedade, e de maneira especial dentro do ámbito da prevención de riscos laborais. Contamos coa asistencia de grandes empresas, así como de distintas empresas de prevención e das universidades da comunidade autónoma.

Para dar idea do repercusión que a xornada tivo, pódese citar a publicación en la Voz de Galicia, tanto na súa edición de Santiago como na súa edición dixital, dunha entrevista coa presidenta da asociación a edición dixital do ABC do día 20 de outubro publicou unha reseña sobre o evento. O portal do ISSGA fixo tamén referencia á xornada, con mención especial para a clausura realizada polo Subdirector de Xestión Técnica e Planificación.


image016

Queremos agradecer ás distintas entidades que se preocupasen de publicitar este evento dende as súas páxinas web, concretamente ao Instituto Asturiano de Prevención de Riscos Laborais; o Colexio de Fisioterapeutas da Coruña; a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais; o Colexio de Aparelladores e Arquitectos Técnicos da Coruña; a Asociación Española de Ergonomía e o ISSGA.