Durante os días 29 e 30 do pasado mes de xaneiro celebrouse na Coruña a primeira edición das catro programadas na comunidade autónoma, unha en cada provincia, do Curso: “Ergonomía Forense. Peritaxe xudicial en ergonomía”. As restantes edicións están aínda pendentes de confirmar as datas, e serán debidamente anunciadas nesta páxina coa suficiente antelación.

O curso foi impartido polos docentes D. Francisco Javier Llaneza Álvarez, Presidente da Asociación Española de Ergonomía e D. Francisco López Carrascosa, membro da Sociedade Española de Dereito e Seguridade. Nel debateuse sobre o papel dos/as profesionais da ergonomía dentro do ámbito xudicial, como peritos designados tanto pola administración xudicial como polas partes litigantes. A finalidade destas peritaxes adoita tratarse de: a achega de datos á defensa de situacións de incapacidade laboral no sistema da seguridade Social; valoración de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, incluíndo aspectos tan de actualidade como as psicopatoloxías laborais e, noutro ámbito diferente, tomar parte en litixios derivados da utilización de produtos de uso común.
As xornadas resultaron moi animadas polo alto grao de interese e de participación mostrado polas profesionais que asistiron ás mesmas.
Como conclusións extraídas constatouse a existencia dun amplo marxe de actuación para as/os profesionais da ergonomía, tanto dentro do mundo da prevención de riscos laborais como no do uso e consumo de produtos. A necesidade existe e neste momento comeza a crearse a demanda, e somos nós, os propios profesionais, os que debemos axudar a crear esa demanda dándonos a coñecer dentro dos ambientes da xudicatura e actuando con rigor, precision e eficiencia para axudar á resolución de litixios nos devanditos ámbitos.
Dende a Asociación preténdese impulsar que a participación das/os profesionais da ergonomía neste tipo de procesos sexa algo habitual, para iso levaranse a cabo accións e dentro do mundo da xudicatura, colexios de avogados, relacións laborais, etc. Esperamos que, como resultado, se amplíe o campo de actuación dos/as ergónomos/as.