VI CONGRESO INTERNACIONAL DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS.

Título: VI CONGRESO INTERNACIONAL DE PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS

Data: 14, 15 e 16 de maio do 2008

Comentario:       

    Celebrouse na Coruña os pasados días 14, 15 e 16 de maio de 2008, o VI Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais no cal estivo representada a Asociación de Ergonomía Galega, na persoa da presidenta, Rocío Seoane Farré, coa súa participación no taller “A práctica da Ergonomía Forense. Análise de casos e sentencias”, que xunto con Manuel Carlos Barba Morán, director do Instituto Asturiano de Prevención de Riscos Laborais, Elena Torres Camba, secretaria da Asociación Catalana de Ergonomía e Francisco Javier Llaneza Alvárez, presidente da Asociación Española de Ergonomía e da Asociación Asturiana, expuxeron distintos puntos de vista e fixeron unha valoración da situación actual na que se atopa a especialidade de ergonomía e os especialistas na devandita disciplina, en referencia á participación, cada vez máis demandada, nas institucións xudiciais, para exercer nos distintos litixios sobre incapacidades laborais, demostración de continxencias, aspectos psicosociais no traballo ou validacións de producto. Taller que resultou ser moi animado, tanto polo número de asistentes, como pola dinámica de participación establecida posteriormente á exposición dos relatores, demostrando ser unha opción moi a ter en conta dentro do ámbito de actuación dos ergónomos.

    foto1

    O vicepresidente da Asociación, Carlo Alberto Berto Leotardi, exerceu como moderador da mesa redonda “Cultura + clima”, na que se expuxeron modelos para valorar a eficacia e implantación da Cultura preventiva nas empresas, modelos elaborados por profesores de distintas universidades de Israel, Holanda e Irlanda. A mesa tiña como finalidade centrar a importancia dun bo Clima preventivo nas empresas como base para obter o éxito en materia preventiva, analizando liderazgos dos directivos e participación dos traballadores.

    foto2

    Dentro das actividades realizadas no devandito Congreso, levouse a cabo a Asemblea Xeral Ordinaria da Asociación Española de Ergonomía, á que asistiron en representación da Asociación de Ergonomía Galega, a presidenta, Rocío Seoane Farré, e o secretario, Antonio Fernández Vázquez, dando traslado dos puntos e acordos tratados na mesma aos socios da Asociación de Ergonomía Galega na Asemblea Xeral Ordinaria que se celebrou o día 16 de maio de 2008, e cuxo contido e conclusións xa foron remitidas a todos os asociados.

    foto3